QUÉN SOMOS

Somos unha entidade representada polos veciños e veciñas que viven na parroquia de Tameiga que, voluntariamente, asócianse para organizar e xestionar a chamada “Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga” (en adiante, CMVMC de Tameiga), convertíndose en comuneiros. Por medio da Asemblea, elíxese por votación (un comuneiro = un voto) á directiva (tamén comuneiros) que se encargarán de executar as decisións tomadas na Asemblea e de organizar e xestionar, de xeito responsábel, os recursos dos terreos veciñais (biomasa, auga, pastos, fauna, flora, paisaxe, etc.). En definitiva, somos unha entidade sen ánimo de lucro, representada pola poboación local, que xestiona os recursos do territorio de maneira que se xeren beneficios medioambientais, sociais e económicos directamente na poboación do lugar.

Estes terreos comunais pertencen aos veciños que habitan de xeito habitual na parroquia onde exista unha CMVMC, e son herdanza dos pobos xermanos (Suevos) que entraron na Península Ibérica no S. V-VI e, máis concretamente, na Galiza (chamada Gallaecia na época romana). Esta forma de repartir os recursos dun territorio de xeito colectivo é coñecida como Lei Xermánica, e se recolle na Lei 13/1989, de 10 de Outubro, de Montes Veciñais en Man Común da Comunidade Autónoma de Galiza.